lunes 12 de noviembre de 2007

OLLADAS - Balóns fóra

Lembro un día, cando tiña dez anos de idade, en que rachei catro luminosos dunha cafetería dándolles un balonazo. Nese momento asusteime porque non sabía se ficar ou fuxir, así que optei por unha posibilidade a medio camiño: comecei a camiñar paseniñamente cara a miña casa. Pouco despois, un violento camareiro agarroume polo pescozo e pediume que o levase ata onde estaban os meus pais, para pedirlles que pagasen uns luminosos que, por certo, non funcionaban, pero o máis desagradable foi que falaba como se eu cometera un crime.
.
De todos modos, casos coma este motivan que xurda o debate de como consensuar a enerxía e as ansias de xogo dos rapaces co dereito do resto de viandantes a non correr o perigo de levar un golpe ó camiñar pola beirarrúa, nin sentir que invanden unha pista polideportiva ó sentarse nunha praza pública. Tan importante é unha cousa como a outra, pero xera certos dilemas que gardan paralelismos co problema do botellón, aínda que esta última actividade non é precisamente unha costume sa.
.
A fotografía corresponde a unha placa situada na praza da Gaiteira, que pola súa amplitude inspira a moitos mozos a facer un pouco de deporte aproveitando que por alí non pasan os coches.
.
David Esgueva
.